O día a día dunha compañía de teatro
A estrea de “A mirada de Pier” foi unha das novas que tratou o programa cultural da Televisión de Galicia, MIRAXES no seu último programa emitido o sábado 16 de febreiro de 2008. Miguel Fernández desprazouse ao cuartel xeral de NUT e fixo un elegante reportaxe sobre o proceso creativo da nosa última proposta escénica.
Pola súa banda na madrugada do venres para o sábado desta semana, días 22 para o 23 de febreiro ás 01.30 horas o programa de Televisión Española LA MANDRAGORA ofrecerá un amplo reportaxe sobre o paso da compañía pola última edición do Festival Alternativo Escena Contemporánea de Madrid, onde durante catro días presentamos “Corpos Disidentes”.
A sala El Canto de la Cabra estase a quedar pequena para acoller os nosos Corpos Disidentes dentro do marco do VIII Festival Alternativo Escena Contemporánea. Despois de dous días de cheo absoluto, hoxe sábado xa non quedan entradas a venta e para mañá domingo, último día, soamente quedan unha ducia de entradas libres. A partires das 21.00 horas poderemos seguir en directo para todo o mundo no canal televisivo do festival a presentación de Corpos Disidentes.
Esta mañá ás 11.30 horas tivo lugar na Casa do Concello de Ferrol, a rolda de prensa de presentación do espectáculo “A mirada de Pier”, que se levará á escena no Centro Cultural Torrente Ballester os días 25 e 26 de xaneiro a partires das 20.30 horas. Yolanda Díaz, concelleira de cultura e turismo, explicou polo miúdo a programación teatral deste novo espazo escénico para a cidade, que tentará amosar o máis actual e contemporáneo das disciplinas artísticas e que xa forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios do IGAEM. Pola súa banda Carlos Neira, director artístico de NUT afondou nas temáticas do novo espectáculo e respondeu as preguntas dos periodistas locais.
Máis información:
- Diario de Ferrol.
- Diario de Ferrol.
- Diario Cultural da Radio Galega. (Toda a semana o programa da Radio Galega, O Diario Cultural está a ofecer información de A mirada de Pier).
- La Voz de Galicia.
Santiago Fisas, concelleiro de cultura e turismo de Madrid e Roberto Cerdá, director artístico do festival, presentaron onte a VIII edición do Festival Alternativo de las Artes Escénicas, Escena Contemporánea 2008. A rolda de prensa que tivo lugar ás 12.00 horas retransmitiuse vía internet no portal http://www.escenacontemporanea.tv/. Este canal de difusión de contidos escénicos é unha das novidades máis salientables desta edición, que permitirá a programadores, profesionais e espectadores de todo o mundo visualizar en directo algúns dos espectáculos do festival, como o de Corpos Disidentes de NUT TEATRO, cuxa emisión terá lugar o vindeiro sábado 2 de febreiro ás 21.00 horas.
Fisas fixo un reconto do programa do festival, que mestura danza, performance, teatro, música e contará con máis de 115 creadores, 109 funcións, 43 compañías de 11 países (Alemania, Argentina, Austria, Brasil, Colombia, España, Estados Unidos, Francia, México, Países Bajos e Reino Unido) en 15 espacios escénicos. Pola súa banda Cerdá destacou o novo deseño de abonos, para público xove, que tenta mellorar os bos resultados do ano anterior cunha afluencia ás salas de máis do 70%. Cerdá tamén sinalou o caracter aberto na súa temática e diverso nas formas e linguaxes do programa, co obxectivo de que o espectador poida elixir entre as moitas posibilidades da creación contemporánea.
O luns 28 de xaneiro, asistiremos á inauguración do festival que terá lugar no Círculo de Bellas Artes, co espectáculo de teatro musical Striptease cardiovascular, a cargo de Ajo y Mastretta.
Polo de agora quedamos gratamente sorprendidos pola imaxe que empregou El País na súa edición dixital para simbolizar a chegada da creación contemporánea.

NUT TEATRO estará presente no primeiro semestre do ano 2008 tanto na Rede Galega de Salas (RGS), coma na Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). Este ano como novidade con respecto ao ano anterior, o corte mínimo para estar dentro da RGTA era de catro funcións, o que dificultou moito a contratación das empresas máis pequenas coma a nosa. De feito, soamente 26 das 112 compañías profesionais de Galiza foron quen de conseguir estes requisitos na categoria de teatro de público adulto. Cumpriremos así un ano de presenza ininterrompida nas redes de distribución do IGAEM, desde a estrea de Corpos Disidentes en xaneiro de 2007.
Desde aquí queremos agradecer enormemente a confianza daquelas persoas que escolleron o novo espectáculo de NUT “A mirada de Pier”. En breve poderás coñecer máis información sobre o noso calendario e sobre Pier nesta bitácora e na web.
A páxina oficial do Festival Alternativo Escena Contemporánea xa se pode consultar na Rede. Para esta nova edición, que se desenvolverá en diferentes espazos escénicos de Madrid, a organización deseñou un portal moi elegante e suxerinte con toda a información perfectamente estruturada e ordenada. Como novidades da web para esta oitava edición do festival, os usuarios podemos informarnos de todo o que sucede mediante a suscripción dun boletín de novas e unha newsletter semanal. Alén disto, existen tamén outras seccións máis convencionais como o programa, ou o calendario. NUT TEATRO participará no ciclo General (nacional) co seu espectáculo Corpos Disidentes que estará na sala El Canto de la Cabra todas as noites ás 21.00 horas, do día 30 de xaneiro ao 3 de febreiro.
O director de NUT TEATRO Carlos Neira participou o pasado día 19 nas III Xornadas cidadanía e teatro organizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), e celebradas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia en Compostela. O encontro que se prolongou até o día 20, contou coa participaron de profesionais do sector coma produtores, directores, actrices e actores, programadores, e responsables das administracións que analizaron e reflexionaron sobre a realidade actual do sector e as súas problemáticas.

Catro mesas de traballo afondaron nestas temáticas:
Mesa 1: A repercusión mediática no público teatral.
Mesa 2: A sedución económica e / ou artística do audiovisual.
Mesa 3: A dispersión profesional do actor galego.
Mesa 4: O sistema de exhibición teatral en Galicia: insuficiencia laboral e artística.
Carlos Neira na súa intervención, dentro da mesa de traballo nº2, falou sobre a relación do actor e da actriz de teatro co medio audiovisual na actualidade. Nesta ligazón podes ler a súa ponencia.
Máis novas relacionadas coas xornadas:
- AAAG.
- Europapress.
- Vieiros.
- Galiza Hoxe.
- Cultura Galega.
O diario Galicia Hoxe publica na súa sección “A contra” da edición de hoxe unha entrevista coa nosa actriz Iria Sobrado. Trátase dunha entrevista persoal e intimista, realizada por Lupe Gómez, na que Iria fala tamén sobre as súas percepcións sobre o teatro galego actual.
Para ler a entrevista podes consultar a seguinte ligazón.
Bo recordo imos ter en NUT TEATRO desta XV Feira Galegas das Artes Escénicas. Finalmente 4.48 Psicose e Corpos Disidentes foron contratados para participar no FITEI de Porto da edición 2008 (Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica). O seu director Mario Moutinho que tivo a ben asistir aos dous espectáculos (o off de 4.48 Psicose o xoves en Espacio Aberto, e a presentación no marco da feira de Corpos o venres pola noite) confirmou así o interese inicial que tiña desde o comezo.
Deste xeito NUT empeza a aparecer no mercado exterior, pois a estas contratacións temoslle que engadir a participación no Festival Escena Contemporánea de Madrid, no que estaremos con Corpos Disidentes desde o 31 de xaneiro até o 3 de febreiro.
Esta mañá quedou instalado o set de NUT TEATRO na Sede Oficial da XV Feira Galega das Artes Escénicas, que se celebrará durante os próximos días até o 27 de outubro. A zona de mercado está na planta baixa da Fundación Torrente Ballester (na rúa do Vilar) e conta cun total de 13 expositores, entre empresas, organismos oficiais, produtoras e asociacións profesionais.
Esta é a primeira vez que NUT ten un set dentro da Feira Galega. Desde alí tentaremos promocionar e distribuir os nosos espectáculos entre máis dunha centena de programadores chegados de Galicia, Portugal e o resto do estado.
NUT TEATRO é unha compañía de teatro galega e contemporánea que, baseándose na formación común, no proceso realizado por cada integrante e nun discurso centrado nos debates artísticos actuais, abandona os códigos vellos para traballar dende/na contemporaneidade.