O día a día dunha compañía de teatro
Un ano máis, Compostela acolle unha nova edición da Feira Galega das Artes Escénicas que terá lugar do 9 ao 23 de outubro. Os NUT presentaremos o noso último espetáculo, Wake Up , co-produción co CDG que estreamos o pasado mes de xuño no FITEI de Porto.
A Feira Galega das Artes Escénicas mostrará o traballo de vinte compañías de teatro e danza en diferentes espazos da cidade. A este encontro están convidados programadores, distribuidores e axentes comerciais de toda a Península co fin de potenciar, ademais dun espazo de exhibición artística e cultural, unha actividade comercial. De feito, un ano máis a AGADIC mantén as bonificacións ás contratacións realizadas durante a Feira.
A función de Wake Up terá lugar o martes día 20 de outubro ás 23:30 no Salón Teatro.

Durante a Feira levaránse a cabo outras actividades, coma a Mesa de Debate ” Cara as novas programacións. Determinantes e métodos para a incorporación dos formatos escénicos actuais”, na que se falará, entre outras cousas, da integración de tendencias máis innovadoras dentro das programacións dos teatros convencionais, tema de moito interese para os NUT. A actriz da compañía Arantza Villar foi convidada pola AGADIC a moderar esta mesa, que contará coa presenza de Lola Correa (directora artística do Festival ALT de Vigo), Mateo Feijoó (director do Teatro de La Laboral de Xixón) e Pepe Vélez (director artístico de Teatros de Cádiz).
NUT TEATRO é unha compañía de teatro galega e contemporánea que, baseándose na formación común, no proceso realizado por cada integrante e nun discurso centrado nos debates artísticos actuais, abandona os códigos vellos para traballar dende/na contemporaneidade.
Publica un Comentario