O día a día dunha compañía de teatro
O 27 de Marzo, Día Internacional do Teatro, os Nut actuamos en Estarreja, pequena vila situada entre Aveiro e Porto. Esta é unha das funcións conseguidas durante a pasada celebración da Feira Galega das Artes Escénicas 2009, onde tivemos a oportunidade de coñecer mellor a Pedro Gonçalves, programador do Cine Teatro de Estarreja, que xunto con Mário Moutinho (director do Fitei de Porto) e Victor Martelo (director de
Cultideias ), xa conforman o noso grupo de amigos en Portugal.
Despois de actuar durante tres días o fin de de semana anterior no Teatro Ensalle de Vigo (onde tivemos unha gran afluencia de púbico), presentamos de novo o noso último traballo, Wake Up, ante os espectadores portugueses. Coma sempre, nos deron unha boa e calurosa acollida.

Desde o 9 ao 19 de decembro estase a celebrar en Vigo un encontro multilateral e multidisciplinar entre artistas, empresas e diferentes sectores do eido cultural, o Foro Creativa.
O foro está coordinado pola Consellería de Cultura e a Direcção Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura portugués. Dentro desta vontade de colaboración transnacional danse cita neste primeiro encontro 13 propostas escénicas entre música, danza, teatro, audiovisual e produto gráfico de Galiza e o norte de Portugal, así como 16 mesas de debate.
As propostas escénicas son acollidas para a súa presentación na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia onde os Nut presentamos dentro da programación do Foro Creativa o noso último espectáculo: Wake Up.
Agardamos a celebración de vindeiras edicións do Foro Creativa nos próximos anos, pois a cooperación Galicia-Portugal pode resultar unha grande oportunidade de desenvolvemento para as artes escénicas galegas.

A participación de Nut Teatro na XVII Muestra de Teatro Español de Autores Contemporáneos de Alicante comezou esta mañá coa rolda de prensa de presentación de Corpos Disidentes así coma outros espectáculos que se levarán a cabo estes días. O subdirector da mostra Fernando Gómez, fixo a presentación do noso espectáculo remarcando o seu carácter multidisciplinar.
Na mesma rolda, tivemos o pracer de coñecer a varios membros doutras compañías convidadas: Teatro Pingaliraina de Zaragoza e Teatro de Ponent de Granollers.

Nut participará na XVII Mostra de Teatro Español de Autores Contemporáneos de este ano 2009. A mostra celébrase na cidade de Alicante dende o venres 6 ate o domingo 15 de novembro. Nut presentará Corpos Disidentes, espectáculo de creación colectiva.
Durante a mostra, Alicante convértese nun lugar de exhibición de propostas diversas, pero tamén nun espazo de encontro e reflexión no que se tenta abrir a mirada a novas formas de entender a escritura teatral. Novas propostas nas que a imaxe, a tecnoloxía, a mestura de códigos e a investigación forman parte da seña de identidade da mostra.
Dende Nut é un pracer poder amosar o noso proxecto como compañía nun marco creado para o entendemento de novas formas de facer teatro.

Nesta edición da Feira Galega das Artes Escénicas 2009, Nut Teatro participou coa presentación do noso último espectáculo Wake Up. O paso de Nut pola feira deste ano foi satisfatorio e proveitoso, pois enchemos as butacas do Salón Teatro e conseguimos diversos contratos que nos permitirán facer unha xira por Portugal. De novo Portugal ábrese ás propostas de Nut, consolidando así a amizade que nos une e que comezou coa primeira participación de Nut no FITEI (Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica) no ano 2008.
Un ano máis, Compostela acolle unha nova edición da Feira Galega das Artes Escénicas que terá lugar do 9 ao 23 de outubro. Os NUT presentaremos o noso último espetáculo, Wake Up , co-produción co CDG que estreamos o pasado mes de xuño no FITEI de Porto.
A Feira Galega das Artes Escénicas mostrará o traballo de vinte compañías de teatro e danza en diferentes espazos da cidade. A este encontro están convidados programadores, distribuidores e axentes comerciais de toda a Península co fin de potenciar, ademais dun espazo de exhibición artística e cultural, unha actividade comercial. De feito, un ano máis a AGADIC mantén as bonificacións ás contratacións realizadas durante a Feira.
A función de Wake Up terá lugar o martes día 20 de outubro ás 23:30 no Salón Teatro.

Durante a Feira levaránse a cabo outras actividades, coma a Mesa de Debate ” Cara as novas programacións. Determinantes e métodos para a incorporación dos formatos escénicos actuais”, na que se falará, entre outras cousas, da integración de tendencias máis innovadoras dentro das programacións dos teatros convencionais, tema de moito interese para os NUT. A actriz da compañía Arantza Villar foi convidada pola AGADIC a moderar esta mesa, que contará coa presenza de Lola Correa (directora artística do Festival ALT de Vigo), Mateo Feijoó (director do Teatro de La Laboral de Xixón) e Pepe Vélez (director artístico de Teatros de Cádiz).
Gran fin de semana para NUT, a estrea de Wake Up no FITEI foi todo un éxito. O teatro estaba cheo os dous días, e a xente gustou moito do espectáculo.
Mañá, mércores 9 de xuño do 2009, temos unha nova oportunidade de achegar o noso traballo a xente, no Centro Cultural Jose Figueirido de Muita (Lisboa), e a semana que ven de volta no Salón Teatro de Compostela.
Os da TVG tamén viñeron a vernos
E asi o contan dende:
Esperamos que veñades a vernos en Compostela no Salón Teatro os días 18, 19 e 20 de xuño ás 20.30 horas e o día 21 ás 18.00 horas.
Actuaremos esta semana na 32º edición do Festival Internacional de Teatro de Expressao Ibérica (FITEI), que se celebra na cidade de Porto entre o 26 de maio e o 10 de Xuño. Estaremos de novo no TeCA, onde xa tivemos o pracer de presentar Corpos Disidentes e 4.48 Psicose na edición do ano pasado. Desta vez estrearemos alí, Wake Up, o noso último traballo, os días 6 e 7, as 21:30h e as 16h respectivamente, e o día 9, as 21.30, actuaremos en Moita, no Fórum Cultural José M. Figueiredo.

O FITEI é un dos festivais de teatro máis antigos de Portugal, nos últimos anos a súa programación aposta por unha diversidade de propostas: teatro, danza, performance, novo circo…que fan que este festival se aproxime cada vez máis cara ás correntes máis transformadoras da escena contemporánea, apostando ano tras ano pola calidade e a innovación.
Wake Up é unha coprodución entre o Centro Dramático Galego e o FITEI. Para este novo proxecto contamos coa colaboración de Guillermo Heras como asesor dramatúrxico e coa plataforma Kónic Thtr como asesores tecnolóxicos.

O espectáculo reflexiona sobre a intimidade e as relación xurdidas de novos modelos de convivencia que o devir dos tempos fixo aparecer
“Cando se derriba a fachada dunha casa queda nas paredes unha pegada da vida vivida tras ela: pintura desconchada, azulexos, papel de parede, vigas de madeira, umbrais…
Paredes que xa non resgardan nada, á intemperie, espazos abertos que manteñen anacos de materiais vellos, estruturas espidas.”
A estrea de Wake Up na Galiza será o 18 19 20 e 21 de xuño no Salón Teatro do CDG.
Os NUT actuamos esta semana nos Encontros de Cultura ALCULTUR’09 que se desenvolven dentro do CULTIDEIAS que ten lugar na cidade de Lagos (Portugal) entre o 4 e o 7 de marzo.
Os ALCULTUR son un espazo para o encontro (e desencontro) de diferentes persoas, proxectos e organizacións da cultura onde potenciar a reflexión e o debate en torno a diferentes temas da actualidade cultural. O evento reúne a profesionais de toda Europa e constitúe unha plataforma onde compartir experiencias, ideas e proxectos, potenciando a creación de novas redes de cooperación.
Ademais dos Encontros, son desenvolvidas diversas actividades paralelas onde os NUT presentaremos a nosa peza “A mirada de Pier”. A actuación terá lugar no Auditorio do Centro Cultural de Lagos o mércores 4 de marzo ás 23:00 da noite.
Pois si. Despois de participar na X Mostra SESC Cariri de Cultura o pasado mes de novembro, os Nut fomos convidados a presentar o noso último traballo A mirada de Pier no Festival de Teatro e Danza 15º Janeiro de Grandes Espetáculos que acontece na cidade de Recife Pernambuco.
Así que faremos unha parada nos ensaios do noso próximo proxecto Wake Up, co-produción co Centro Dramático Galego que estrearemos no mes de xuño, para viaxar de novo ao Brasil e disfrutar outra vez das súas xentes, do seu panorama escénico, das súas paisaxes e, como non, do veránciño do hemisferio sul.
Mostraremos o noso traballo no teatro máis antigo da cidade, o Teatro Apolo, e as funcións terán lugar os días 25 e 26 de xaneiro ás 20:30 horas da tarde.
NUT TEATRO é unha compañía de teatro galega e contemporánea que, baseándose na formación común, no proceso realizado por cada integrante e nun discurso centrado nos debates artísticos actuais, abandona os códigos vellos para traballar dende/na contemporaneidade.